Date of article: 07/02/2018
Daily News of: 07/02/2018
Country:
Spain
- Galicia
Author: Regional Ombudsman of Galicia
Article language: es
A valedora do pobo, Milagros Otero Parga, trasladarase o próximo mércores 14 de febreiro á localidade coruñesa de Valdoviño. A institución invita a todos os interesados a participar ese día nun encontro de atención directa á veciñanza. Atenderá en persoa as queixas e consultas que queiran facerlle chegar nunha xuntanza que se celebrará entre as 16.00 e as 18.00 horas no Salón de Plenos da Casa Consistorial de Valdoviño.
O programa da valedora do pobo incluirá unha visita á Casa do Concello (12.00 horas) onde se entrevistará co alcalde de Valdoviño, Alberto González Fernández, e cos membros da Corporación Municipal e deixará constancia da visita no libro de sinaturas municipal.
O obxectivo da actividade é achegar os servizos que ofrece a institución do Valedor do Pobo á cidadanía co fin de atender, protexer e defender os seus dereitos fronte ás actuacións das administracións públicas en políticas agrícolas e gandeiras, sanitarias, educativas, de vivenda, servizos sociais, medio ambiente, xustiza, urbanismo; e tamén en cuestións relacionadas cos servizos de interese xeral, como poden ser as reclamacións con empresas de subministración de servizos públicos, entidades financeiras, etc.
Aínda que se fixo chegar invitación a través do Concello, a oficina do Valedor do Pobo convida a veciños de todas as parroquias e de localidades próximas a se achegar ao encontro. A propia valedora e o persoal da institución estará a dispor dos interesados de 16.00 a 18.00 no Salón de Plenos da Casa do Concello.
Calquera persoa ou colectivo poderá dirixirse directamente á valedora e trasladar a súa reclamación, aínda que, para unha mellor prestación do servizo, poderase concertar unha cita previa chamando ao teléfono 981 569 740 ou enviando un correo electrónico a comunicacion@valedordopobo.gal.
A visita a Valdoviño forma parte do programa de encontros que cada mes a titular da institución realiza nun concello de Galicia. A institución do Valedor do Pobo quere agradecer a colaboración brindada pola alcaldía de Valdoviño para organizar o encontro.
Nos últimos meses a defensora trasladouse a Guitiriz, Carballeda de Avia, Láncara, Curtis, Marín, Monforte, O Barco de Valdeorras, Carballo ou Viveiro entre outras localidades. Os casos problemáticos que achegan os veciños nestas xuntanzas inician a súa tramitación con carácter inmediato e tamén adoitan atopar solucións en moi pouco tempo.